CERVANTES




       A praza de Cervantes foi e aínda é unha das máis importantes da cidade de Santiago. A súa situación a escasos metros da catedral e como parte do treito final do Camiño Francés, fixo dela un espazo de paso obrigado para peregrinos e comerciantes, e como tal un lugar de referencia para os habitantes de Compostela desde a Idade Media. Ao longo dos séculos tivo distintas denominacións relacionadas coas súas funcións de espazo de reunión e mercado: “Foro”, Praza do Campo ou Praza do Pan. A colocación en 1840 da estatua do ilustre escritor Miguel de Cervantes Saavedra (que se pode apreciar de costas na pintura da exposición) fixo que adquirise a súa denominación actual de Praza de Cervantes, que comeza a aparecer como tal en documentos de 1886.

        O espazo desta praza estivo dentro da muralla levantada por orde do bispo Sisnando II a mediados do século X (ano 968), para defender o Locus Sancti Iacobi e a cidade que medraba ao seu arredor contra os ataques normandos. A forma triangular desta praza aínda conserva o seu aire de entrada á cidade, estreitándose cara á rúa da Acibechería. 
        Nos séculos XII-XIII, o proceso de planificación urbana encabezada polos arcebispos Xelmírez ou Xoán Arias, fixo que se fora consolidando unha rede de rúas e prazas dentro do recinto da muralla de Don Cresconio, construída a mediados do século XI e que ampliou o espazo amurallado a unhas 20 has. O crecemento urbano seguiu tres grandes liñas, destacando especialmente o eixo que conducía desde a Porta do Camiño, pasando pola Praza do Campo ata a fachada norte da catedral. Ao longo do seu percorrido recibía diversos nomes como Rúa do Camiño ou Francíxena (actual Casas Reais), Rúa do Campo(a actual Cervantes) e Rúa da Moeda (Acibechería) ata rematar na Porta da Trindade da catedral. Segundo documentación da época era tamén chamada Rúa Maior. Un segundo eixo sería o que parte de Porta Faxeira ata Praterías, e o terceiro o que xiraba arredor de Mazarelas, pasando por Ferreiros (Caldeirería) e Preguntoiro ata desembocar na Praza do Campo.
        A rúa do Preguntoiro e a Praza do Campo estiveron estreitamente vinculadas desde o principio. A praza foi a primeira en actuar como espazo público especializado da cidade, pois no século XII recibía o nome de Foro debido a que era o lugar no que o pregoeiro facía públicas os acordos municipais e ordenanzas arcebispais, circunstancia á que a Rúa do Preguntoiro lle debe o seu nome (da palabra latina Preconitorium). Progresivamente, a praza foi adquirindo función mercantil relacionada coa venda de alimentos e mercadorías, e como praza principal de mercado era aquí onde se exhibían os pesos e medidas oficiais polas que debían rexerse as transaccións económicas da cidade. A importancia destas actividades víase ademais animada polo asentamento na zona da burguesía mercantil máis acomodada, de tal xeito que o núcleo formado polas rúas do Camiño-Campo-Moeda e anexas acollía a residencia non só da burguesía senón tamén dos mercadores, cambiadores e notarios, cos que se mesturaban algúns membros da fidalguía urbana como os Moscos de Altamira. 
        Con todo, e a pesares da importancia do mercado de alimentos para unha cidade, eran outros os oficios que mais caracterizaron a cidade de Santiago durante a Idade Media, imprimíndolle o seu carácter artesanal e servindo aos peregrinos xacobeos: albergueiros, concheiros, acibecheiros, prateiros ou cambiadores. Todos estes oficios localizábanse sobre todo nas rúas do Camiño, do Campo, da Moeda e nas prazas próximas á catedral. Eran frecuentes os amaños entre estes profesionais para enganar aos seus clientes, polo que desde época temperá establecéronse leis e sancións contra estes abusos e fraudes que sufrían os peregrinos. Xunto coas ordenanzas deste tipo, había outras relacionadas tamén coas actividades mercantís, como por exemplo no caso da compravenda de carne: os carniceiros debían comprar os animais baixo a supervisión do concello, matalos de día na praza e vender a carne nas mesas das dúas carnicerías públicas, que se localizaban unha na Rúa do Vilar e a outra na Praza do Campo.  
        As actividades mercantís e comerciais non eran, con todo, as únicas que tiñan lugar no espazo desta praza. Como cidade do Apóstolo Santiago e punto final da principal ruta de peregrinación medieval, non era estraño que un dos seus principais espazos como era a praza do Campo contara con igrexa e hospital, de tal xeito que as actividades relixiosas e asistenciais formaban parte tamén da súa vida cotiá. O Hospital de Xerusalén situábase no lado dereito da Rúa Franxcíxena, comezando a baixar da praza, contando con doce camas e sendo atendido por dúas mulleres. No caso da igrexa, tratábase da de San Bieito do Campo (a súa fachada pódese apreciar na pintura da exposición), existente xa desde o século X e reconstruída por Xelmírez no XII. Segundo o Liber Sancti Iacobi era unha das dez igrexas que había na cidade, e constituía unha das once parroquias que, segundo Jerónimo del Hoyo, cóengo da Igrexa de Santiago e visitador da súa diocese, existían en Compostela a comezos do XVII: San Andrés, San Fructuoso, San Xoán Evanxelista, Santa María da Corticela, San Fins de Solovio, Santa María Salomé, Santa Susana, San Miguel dos Agros, Santa María do Camiño, Santa María do Sar e San Bieito do Campo, que recibía esta denominación por estar situada na praza homónima. A igrexa sería levantada novamente en estilo neoclásico por Prado Mariño a fins do século XVIII, e a pesares da súa sinxeleza e pequeno tamaño conserva un carácter monumental acentuado polo seu illamento na praza, pois está exenta das outras edificacións por tódolos seus lados. Conta cunha soa nave con capelas laterais e torre central, destacando no seu interior as tallas barrocas de santo Antonio, san Xosé e san Xoán Bautista. 
 
       Igrexa de San Bieito do Campo coa súa fachada neoclásica. http://www.santiagoturismo.com/monumentos/igrexa-de-san-bieito-do-campo-3

        
        A igrexa de San Bieito foi tamén o lugar de fundación e demarcación de diferentes irmandades e congregacións, como por exemplo do gremio menos de San Bartolomeu, de máis de 250 anos e composto por forneiros, pasteleiros ou cociñeiros; o gremio menor dos “tablajeros”; a confraría de Santa Apolonia, fundada na igrexa en 1669 por “cordoneiros e calceteiros”; a confraría de San Cosme e San Damián, formada por barbeiros e sabgradores e fundada no 1667; o gremio maior de San Pedro, fundado por espadeiros e armeiros hai máis de dous séculos; o gremio menor de San Mauro, fundado por “sillateiros” en 1652; ou a confraría de San Bieito, na que serven os cereiros e fundada por eles no 1663.

       A praza do Campo, como espazo de xuntanza comercial, relixiosa e mesmo asistencial, contaba tamén cun elemento fundamental para os habitantes dunha cidade: a fonte. A partires dunha Real Provisión do emperador Carlos V na que se solicitaba información das necesidades da cidade en 1541, sabemos que a fonte da Praza do Campo era a máis importante e a mellor situada da cidade, así como lugar de conversa tanto para veciños como para peregrinos. Con todo, segundo Fernán de Villar, facía xa tempo que non recibía auga e existía un preito entre algúns veciños e o Concello polo aproveitamento que debía facerse das súas augas sobrantes, cando as houbera. Unha información semellante ofrecía Pedro da Ulloa, que aseguraba que facía 12-14 anos que non chegaba auga a ela, sendo como era a fonte que estaba no medio da cidade e na parte máis conveniente e necesaria para o servizo da cidade, especialmente en caso de incendio. Outras testemuñas confirman a mesma información, engadindo que os canos estaban rotos, o que confirma que a principal fonte da cidade estaba non soamente en mal estado senón sobre todo seca nese momento.
      Isto non debe levarnos ao engano de pensar que Santiago contaba con problemas de abastecemento de auga. Mais ben o contrario: tanto veciños como forasteiros loaban a abundante dispoñibilidade de abondosas e boas fontes, aínda que moitas delas precisasen reparos. De feito, ao longo da Idade Moderna non se rexistraron problemas graves de abastecemento, aínda que a fins do século XVIII a ausencia de canalizacións de desaugue non favorecía a salubridade pública.
         A necesidade de reparación non afectaba soamente ás fontes. A documentación dos séculos XVI e XVII tamén dá conta da necesidade de reparar as rúas, pois estaban sen empedrar e ían perdendo a capa de terra debido á frecuente choiva e ao descorrer da auga, de tal xeito que a altura do chan chegaba a estar moito máis baixo que a das casas nalgunhas rúas. Especialmente importante debía ser o lousado daquelas rúas que atravesan a cidade, como a que partía da porta da Mámoa, pasando pola Praza do Campo e chegando á porta de San Roque, ou a que ía da porta do Camiño ata a Praza do Hospital Real (actual Obradoiro), pasando tamén pola Praza do Campo. Estas melloras deberon agardar, pois as rúas de Compostela non adquiriron o firme granítico ata comezos do século XX.
         O feito de que dúas das principais rúas converxeran no espazo da praza do Campo non era unha casualidade. Os textos destes séculos XVI e XVII poñían de manifesto que, se ben a catedral constituía en moitos aspectos o centro que articulaba Compostela, a vida civil desenvolvíase sobre todo na praza do Campo, onde se celebraba o principal mercado e, ademais, estivo outro dos principais edificios da cidade: a Casa Consistorial (edificio que se pode ver na pintura da exposición). 
       Durante a Idade Media o concello reuníase nalgunha praza pública e ocasionalmente no mosteiro de Antealtares. Por orde dos Reis Católicos, en 1480 abrigouse a ter un lugar fixo para as reunións, que foi establecido na Quintana, e do que non contamos con máis datos. Alí estivo durante un século máis ou menos, mais non agradaba a inmediata veciñanza da comunidade de San Paio nin o feito de estar nunha zona sacra e empregada como cemiterio. Por iso houbo querela en 1582 do Licenciado Velarde, designado pola Audiencia, contra a Xustiza e Rexemento do Concello. Debeuse buscar unha nova Casa Consistorial, e procedeuse á venda do solar e dos materiais en poxa pública.
        Para levantar o novo consistorio, o Concello mercou en 1583 unha casa a Rodrigo Palmero que este tiña na Praza do Campo, facendo esquina coa rúa do Preguntoiro, por 736 ducados. Esta nova Casa Consistorial foi posteriormente obxecto de obras en 1686, coa construción de medianas, vans, cornixa, gárgolas e tres escudos coas armas da cidade (dos que non se conserva vestixio algún), comprendéndose en ditas obras “dos caxas embebidas en la pared de cantería, para poner en ellas las sillas de los Señores Alcaldes”. No Consistorio acordouse repoñer ditas cadeiras por outras en 1690, “de madera de nogal con buena disposición”. Estas cadeiras conserváronse ata o ano 1891 no pazo municipal, e foron case os únicos obxectos que se conservaron da antiga Casa Consistorial. O 20 de xullo de 1891 pasaron en calidade de depósito ao museo da Sociedade Económica.
      O reducido tamaño das súas dependencias e as malas condicións das cárceres segrar e eclesiástica na praza do Hospital, moveron ao Concello a erixir un edificio no mesmo lugar que estas ocupaban, e que posteriormente sería o Pazo de Raxoi. Deste xeito, a Casa Consistorial estivo na praza do Campo desde 1583 ata o 30 de xuño de 1787.
      Hoxe en día é o único edificio municipal barroco que se conservou intacto en Galicia, e unha restauración interior permitiu identificar as antigas escribanías, o oratorio, o arquivo e os calabozos.
Ademais de todas estas funcións xa comentadas, a praza do Campo foi contexto aínda de máis actividades, amosando unha vez máis a súa importancia capital na vida pública compostelá. Sábese, por exemplo, que se chegaron a realizar autos de fe e que nela estivo situado ata 1570 a columna arredor da cal se impartía xustiza e onde estaba o patíbulo. Esta columna pasou posteriormente á carballeira de Santa Susana, de onde desapareceu no século XIX. Ademais disto, a Praza do Campo foi ocasionalmente lugar de celebración de corridas de touros polo San Xoán (o espazo no que tiñan lugar normalmente era a Praza do Obradoiro) e, por suposto, lugar de paso de procesións e mesmo comitivas en vodas reais e outras festividades e celebracións.

Plano da cidade de Santiago de 1595, conservado no arquivo de Simancas. Pódese apreciar a praza do Campo no corazón da cidade amurallada, coa igrexa de San Bieito, a Casa do Concello e a rúa do Preguntoiro. 
https://upload.wikimedia.org/wikipedia/commons/8/87/Plano_Santiago._1595._Archivo_General_de_Simancas._MPD%2C_34%2C_21.JPG
        
                 Chegado o século XIX, a praza aínda conservaba o seu carácter de espazo de mercado. De feito, foi este o motivo de que tamén fora coñecida como “Praza do Pan”, xa que era unha das mercadorías que máis se vendían nela. Non era, con todo, o único lugar de venda de produtos, pois tamén había mercado na Praza do Mercado Vello (actual Mazarelos), na da Pescadería Vella (próxima a Santo Agostiño) ou na das Carnicerías (Antealtares), así como noutras rúas onde había postos de venda. Estes pequenos establecementos, en ocasións simples casetas, constituían unha parte dos ingresos que percibía o concello, xunto coas portas da cidade, o forno ou a cárcere.

       Nin a Praza do Pan ou do Campo nin a súa contorna perderon por completo o seu carácter mercantil ao longo deste século. Aínda a comezos do XX a división funcional dos barrios era manifesta, de tal xeito que as actividades comerciais se concentraban arredor desta praza coas súas arterias do Preguntoiro e Caldereiría, Acibechería e Casas Reais. E tamén conservaba este carácter desde o punto de vista residencial, pois neste reducido espazo urbano tiñan a súa residencia, por exemplo, os quince principais comerciantes da cidade, segundo matrícula comercial e industrial de 1893.
        Con todo, e a pesares desta longa tradición e carácter como espazo de mercado, a progresiva chegada da modernidade e mellora do benestar supuxeron un cambio fundamental cando en 1870 decidiuse concentrar os mercados nun edificio propio e dedicado en exclusiva a esa función. Estas construcións foron levantadas no lugar onde aínda permanecen, na Praza de Abastos, o que supuxo que a praza fora perdendo paulatinamente o seu carácter de mercado.
        Unha mostra da perda deste carácter de mercado foi tamén o feito de que a praza cambiara o seu nome, debido principalmente á reforma da súa fonte. Entre 1838 e 1842 esta sufriu unha total transformación. En 1840 colocouse o pío e engadíronse unhas inscricións douradas e catro floróns pintados. E xa en 1842 presidía a praza a columna e busto de Cervantes, dentro da propia fonte. Posteriormente desapareceron as inscricións e outros ornatos para quedar reducida ao pío circular que alberga no seu interior a columna e busto de Cervantes, motivo polo cal a praza pasou a ser chamada, como na actualidade, Praza de Cervantes, aínda que esta nomenclatura non aparecería nos documentos ata 1886.  
Xente recollendo auga na fonte de Cervantes a comezos do século XX. https://www.pinterest.es/ricardoirimia/compostela/
      
         Contamos con algunha descrición do momento que xa nos confirman a presenza do busto do escritor así como a progresiva perda de función mercantil da praza, aínda que mantendo a súa importancia na vida pública de Compostela. Así describía este espazo José María Fernández Sánchez na súa guía de Santiago de 1885:

Praza de Cervantes, dita tamén de san Bieito e do Pan porque alí despachábase antigamente este produto. O primeiro deses nomes recibiuno do busto do Príncipe dos enxeños, colocado enriba dunha columna, que adorna a fonte. A praza de Cervantes coa rúa da Acibechería, que vai cara u oeste, e a do Preguntoiro, cara o mediodía, constitúen un dos principais centros, senón o principal, do movemento e da vida de Santiago.
Ao norte da praza, cuxo lado setentrional, como o plano indica, ten edificios con soportais, chama a atención a casa dos Sres. Pérez Sáenz, adiñeirados banqueiros desta poboación, que gozan de crédito ben merecido en España e o estranxeiro. É un precioso monumento que os capiteis, ventás oxivais e cornixa autorízannos a remontar ao século XIV. Ao leste álzase a igrexa parroquial de
San Bieito, da que tamén toma o nome esta praza. Nada conserva da fábrica de Xelmírez, que, como lemos na Historia Compostelana, reedificouna desde as bases. O templo no estado no que se atopa o moderno, case dos nosos días, e de estilo greco-romano, que non carece de elegancia. A pesares das súas reducidas dimensións, ten nove altares, cuxas efixies, por norma xeral, merecen ser contadas entre as boas de Santiago. Debemos facer especial mención da que representa a san Mauro, no seu propio altar, e dun grande Crucifixo de marfil que hai noutro. Tamén hai algunhas pinturas regulares en lenzo e táboa.
Mais o monumento máis interesante de S. Bieito é un grupo de escultura bizantina que se ve no primeiro altar da esquerda, segundo se entra. Representa a Adoración dos Reis. Unha das personaxes que adora ao Neno Xesús viste capa pluvial. Ás das criaturas da terra xuntan o tributo de adoración os anxos, que desde as alturas contemplan aquela tenra escena. Probablemente data esta obra do século XII, e sería un dos monumentos que adornaban a igrexa construída por Xelmírez.
Debaixo hai unha belísima táboa que representa a Natividade do Señor e a Adoración dos Pastores. Un destes leva hábito franciscano, e algunha pastora podería tomarse por retrato dunha dama da corte de Francisco I. No alto vese un anxo que nunha banda leva escritas as palabras coas que foi anunciada a Boa Nova aos afortunados pastores de Belén, Gloria in excelsis Deo.
Entre o primeiro e o segundo altar da dereita hai un alto relevo gótico, que representa a Visitación da Virxe á súa prima Santa Isabel. Nun tarxetón lense as palabras de asombro que pronunciou a Nai do Bautista ao ver na súa casa á bendita Muller que levaba nas súas purísimas entrañas ao Redentor do mundo: Et unde hoc michi et veniat Mater Domini mei ad me? O nicho conopiado e os caracteres góticos da inscrición autorízannos a referir este relevo ao século XV.
Ao sur da praza de Cervantes e case fronte ao monumento do Manco inmortal ábrese a rúa de
O Preguntoiro, que sabemos xa é un dos principais centros de comercio e vida de Santiago, e sen dúbida ningunha o punto máis transitado da poboación. Á tardiña e primeiras horas da noite a concorrencia é inmensa e o paso, polo mesmo, lento e dificultoso. O caserío é por norma xeral moi bo, e os perpiaños das fachadas e os escudos e emblemas que ostentan acreditan ben o nobilísimo liñaxe da cidade do Apóstolo. Só citaremos, entre outras, as de García Pan, Brandeso, Maza e Sal.
            Deixando á esquerda esta rúa e dirixíndonos cara o oeste, chama a atención o nome de Xerusalén, dado a unha estreita, tortuosa e sucia rúa que se abre ao norte, onde rematan os soportais, e une a praza de Cervantes, que alí remata, coa de san Miguel. Aquel nome esperta na mente un mundo de recordos, os recordos máis gloriosos de Compostela, cando viñan a prostrarse ante o sepulcro do santo Patrón das Españas peregrinos das comarcas máis afastadas do Oriente, sen excluír os da Cidade Santa, que se albergaban no hospital de Xerusalén ou dos Armenios, que subsistiu durante longos séculos, case desde o descubrimento das reliquias do Apóstolo, no lugar que ocupan as primeiras casas da rúa, á esquerda, entrando por aquí, e dan tamén por conseguinte á da Troia, paralela a esta. Na capela do hospital podían escoitar os santiagueses o santo sacrificio da misa nos diferentes ritos orientais, principalmente segundo a liturxia armenia. O hospital era de padroado do cabido metropolitano, que, tendo comezado a ser moito menos frecuentes as peregrinacións daquela parte do mundo, pechouno (1525), incorporando as súas rendas ao suntuoso que non hai moitos anos fundaran os Reis Católicos.”
        

          A praza de Cervantes a finais do século XIX. COSTA, P. y MORENAS, J. (1989): 1850-Santiago de Compostela-1950. Desenvolvemento urbano. Outra Arquitectura. Santiago de Compostela, p. 131.
         
                  A praza de Cervantes a finais do século XIX. COSTA, P. y MORENAS, J. (1989): 1850-Santiago de Compostela-1950. Desenvolvemento urbano. Outra Arquitectura. Santiago de Compostela, p. 131.

         
         Así se vía a praza de Cervantes a finais do século XIX, e a realidade é que conservou gran parte desta estampa; a maioría de edificios e casas desta praza non cambiaron demasiado co paso do tempo, polo menos no último século. Deste xeito, conta este espazo con casas barrocas como a antiga Casa do Concello (nº 1 da rúa do Preguntoiro) e casas clasicistas e edificios eclécticos dos séculos XIX e comezos do XX que aínda se manteñen aportando singularidade á praza. A convivencia de estilos é algo característico desta praza e da cidade de Santiago en xeral, constituíndo un destacado exemplo entre os núcleos de Europa que contan cun bo e compacto conxunto monumental.
        Na actualidade, a praza de Cervantes segue a ser un dos espazos arredor dos cales xira a vida cotiá, tanto diúrna como nocturna, dos habitantes, estudantes, peregrinos e visitantes de Santiago. Lugar onde quedar, a escasos metros da catedral e no Camiño Francés; para tomar algo nas súas terrazas ou mercar nalgunha das súas numerosas tendas, gozando do ambiente; ou mesmo para chancear con todos aqueles que tratan de atoparlle os pés a Miguel de Cervantes e levan unha pequena molladura como recompensa.


Comentarios

Entradas populares de este blog

Programa 2020

DEBUXANDO NAS PRATERÍAS- 23 de Marzo