EL KIOSKO DE LA LUZ

Boceto- lápices de cores

Cuadro rematado- acrílico sobre táboa. 1,22m x 1,22m




               O “quiosco da luz” é unha pequena estrutura de granito que contiña un transformador eléctrico, cun corpo inferior de planta cadrada con esquinas achafranadas e un tellado con corpo superior máis pequeno, escamado e rematado en pináculo. De estilo modernista, a cidade de Santiago contou con máis transformadores coma estes perfectamente adaptados á estética das rúas compostelás (por exemplo da rúa da Senra, tal e como aínda podemos ver en fotografías da época), que serviron como ferramentas imprescindibles para o alumeado público da cidade e constitúen na actualidade un fantástico testemuño da progresiva modernización dos servizos públicos durante os séculos XIX e XX.

                                              Transformador modernista na rúa da Senra, xunto a Porta Faxeira.
                      COSTA, P. y MORENAS, J. (1989): 1850-Santiago de Compostela-1950. Desenvolvemento urbano. Outra Arquitectura. Santiago de Compostela.
        
       A historia do alumeado público en Santiago remóntase a comezos do século XIX, no contexto da Guerra de Independencia. Entre as reformas que nos servizos públicos de Santiago introduciron os franceses en 1809, unha delas foi o alumeado que o Barón de Marcognet, gobernador da cidade e provincia, mandou establecer especialmente en rúas e prazas angostas, nas que ordenou se puxera “a cantidade de farois reverberos necesarios para que estean perfectamente claras toda a noite”; e que os farois non estiveran separados entre eles máis de 50 m. A innovación permaneceu apenas uns meses, ata que as forzas napoleónicas foron expulsadas da cidade. Non quixeron os santiagueses seguir con esta mellora, e houbo que agardar trece anos para que se instalase definitivamente o alumeado público.

        En febreiro de 1822 mandou o Concello colocar farois nas proximidades da cárcere para favorecer a vixilancia, e en outubro dese mesmo ano enviara á Deputación unha proposta para establecer o alumeado xeral na cidade. Dous meses despois estaban xa colocados uns 300 farois de aceite. En 1834, o número de farois chegaba a 500. En 1842, o alumeado xa era de dúas mechas para os farois grandes e unha para os pequenos.
        En 1858, os membros da municipalidade quixeron establecer, ao igual que na Coruña, o alumeado por gas fluído en toda a poboación, exceptuando as rúas máis pequenas de pouco tránsito, nas que continuarían os farois de aceite. En 1864 comezaríase a empregar o gas portátil ou petróleo para o alumeado dalgunhas rúas, ampliándose sucesivamente este sistema a outras máis, para o que se encargaron a Barcelona, en 1866, 200 farois.
        Contratado o servizo por gas fluído coa compañía Menéndez Valdés, de Xixón, en 1872, e inaugurado na Alameda e nalgunhas rúas o 8 de agosto de 1874, foi estendéndose despois ao resto da poboación. A difusión do alumeado por medio de gas, tanto público como privado, tivo polo tanto lugar en Santiago cunha cadencia cronolóxica máis tardía que noutras cidades galegas.
        Habería que agardar ata case a fin de século para que o alumeado público eléctrico chegara a Santiago, e non sen dificultades. En decembro de 1894 entregouse ás autoridades o primeiro estudo do alumeado eléctrico para a cidade. Despois dun minucioso estudo encargado a un equipo de técnicos municipais, e contando co seu beneplácito, o 20 de maio de 1895 a Corporación ratificou a concesión do servizo a Don Miguel Bruzos por un período de doce anos. Sería a “Sociedade de Gas e Electricidade de Santiago” a encargada de levar adiante estes primeiros pasos do alumeado público eléctrico de Santiago, desde 1895. 
        Apenas cinco anos máis tarde, o 22 de marzo de 1900, a Sociedade de Gas e Electricidade propuxo ás autoridades municipais a execución dun ambicioso proxecto consistente en facer discorrer, desde a entrada da cidade, tódolos cables de alta tensión de forma subterránea baixo o pavimento das rúas, dirixíndoo cara sete transformadores instalados estratexicamente en distintos puntos. Desde eles partía, esta vez mediante cables aéreos, a rede de baixa tensión seguindo o trazado das rúas, prazas e paseos da cidade.
                                            O transformador da rúa Mazarelos na actualidade. Fotografía dos autores

               Comezaban así os primeiros pasos do alumeado eléctrico de Santiago, aínda que máis tardiamente ca noutras cidades, como no caso do alumeado de gas. De feito, Santiago foi a última das cidades galegas en dispor deste servizo tan necesario para unha sociedade moderna como a de comezos do século XX, que necesitaba deste tipo de servizos para garantir o benestar da súa poboación.

                                                        Praza de Cervantes co cableado da iluminación eléctrica.  
                                                   DÍAZ, C. (coord.) (2000): A memoria de Santiago. Vigo, p. 59.

       Con todo, a historia do alumeado eléctrico non foi soamente de éxitos. A propia empresa que comezou o servizo pasou por problemas económicos e mesmo quebra, co conseguinte problema para o Concello santiagués. E a propia instalación non foi allea aos contratempos. A noite do 8 ao 9 de xaneiro de 1930, a batería de alta tensión do transformador situado na rúa do Hórreo saltou inesperadamente deixando boa parte da cidade na escuridade durante toda a noite. Ao día seguinte aconteceu algo similar con outro instalado na Alameda, esta vez con conato de incendio incluído. 

       Unha parte fundamental da iluminación pública foron os farois. A súa configuración foise facendo paseniño, como no caso da propia instalación eléctrica. Foi xa no ano 1809 cando se estableceu un tipo de farol de aceite que máis ou menos se foi conservando aínda co cambio de iluminación. O farol compostelá ten unha marcada característica ornamental, de tal xeito que foi cantado por poetas e escritores. Encaixa ben no marco arquitectónico da cidade, especialmente nas zonas de predominio barroco. Os seus reflexos nas rúas solitarias, encharcadas pola choiva, proporciónanlle un encanto típico.
a)      Farol de reverbero: así chamado porque tiña a superficie pulida coa finalidade de reflectir e aumentar a luz. Contamos con poucos datos para reconstruílo, pero contaba cunha barra de ferro que o suxeitaba á parede, branqueada para aumentar a luz. Era acendido mediante unha fibra de algodón impregnada en aceite. Podían ter un tamaño pequeno, cunha mecha; mediano, con dúas; e grande, con tres.
b)      Farol de gas-portátil: recibe este nome porque para a súa iluminación depositábase o combustible nun aparello portátil dentro do mesmo farol. Xeneralizouse entre o período transcorrido entre 1866 e 1874. Substituíu ao de aceite, pois proporcionaba máis luz e consumía menos.
c)      Farol de gas: a maior parte dos que conservamos hoxe en día polo casco vello, foron no seu día farois de gas. Están formados por dúas pirámides truncadas unidas no centro polas súas bases inferiores. As caras do tronco inferior son de cristal e as arestas metálicas. Todo o conxunto apóiase nunha barra de ferro coa función de suxeitar o farol á parede e conducir o gas ata a mecha.
d)     Farol eléctrico: continuouse empregando o farol de gas, aínda que a barra na que se apoia é oca, pois xa non se conduce gas por ela

               Farol na Praza do Obradoiro, na esquina do Pazo de Xelmírez
               https://hiveminer.com/Tags/esquina%2Cfarol
        
               Todos estes instrumentos dan conta da complexidade dunhas instalacións que cambiaron a cidade de Santiago por completo, converténdoa nunha cidade moderna e modificando a súa estética pola introdución de novos elementos como os cables (aéreos e subterráneos), novos farois (adaptados dos de gas) e transformadores, como o da rúa Mazarelos. Estes elementos e a nova iluminación proporcionáronlle a Santiago de Compostela a atmosfera romántica tan característica do século XIX e comezos do XX, unha atmosfera que aínda conserva en parte.

Comentarios

Entradas populares de este blog

Programa 2020

DEBUXANDO NAS PRATERÍAS- 23 de Marzo