MAZARELOS

Boceto- lápices de cores

Cuadro rematado- acrílico sobre táboa. 1,22m x 1,22m



       A praza de Mazarelos é un dos espazos con máis historia do casco histórico de Santiago. Desde mediados do século XI foi unha praza “intramuros”, despois da construción da muralla da cidade polo bispo don Cresconio. Ao situarse unha das sete portas da muralla neste lugar foi medrando unha praza ao seu carón, necesaria para os intercambios comerciais e actividades humanas características dun espazo ligado a unha das principais entradas da cidade. Esta porta, chamada de Mazarelos, é a única que se conserva desta antiga muralla derrubada en gran parte no século XIX, aínda que reformada na Idade Moderna e con características do barroco. Na actualidade podemos contemplar nesta praza a antedita porta da muralla, a Facultade de Filosofía, a Igrexa da Compañía e o Pazo de Mazarelos (sé da Secretaría de Turismo da Xunta de Galicia), e a Facultade de Xeografía e Historia na adxacente Praza da Universidade, coa que conforma un espazo practicamente unitario. 

         Dado que é unha praza con historia dentro do casco vello, as fontes do século XII, entre as que destaca o Liber Sancti Iacobi, xa falan dunha das súas partes fundamentais: a porta de Mazarelos:
“A primeira entrada chámase Porta Francesa; a segunda, Porta da Pena; a terceira, Porta de subfratribus; a cuarta, Porta do Santo Peregrino; a quinta, Porta Faxeira, que leva a Padrón; a sexta, Porta de Susannis; a sétima, Porta de Mazarelos, pola cal chega o precioso viño á cidade”.

        O grande crecemento urbano favorecido pola riqueza comercial, impulsada polas peregrinacións á tumba do Apóstolo, fixo que nos séculos XII-XIII a cidade medrara principalmente en dúas direccións. A primeira cara o sur, en función da afluencia de produtos de intercambio e consumo que chegaban por esta parte da cidade, como o peixe e o viño, por Porta Faxeira e pola de Mazarelos respectivamente, tal e como estaba establecido. E a segunda dirección cara ao nordeste, por onde viña o Camiño francés. 
       Foi a porta de Mazarelos unha de maior tránsito tanto de persoas como de mercadorías, xunto coa Porta do Camiño e Porta Faxeira. A de Mazarelos, ademais de comunicar co burgo do Sar, era a vía de entrada dos viños da Ulla e do Ribeiro, tal e como se pode ler no Liber Sancti Iacobi, así como dos cereais casteláns e dos peregrinos que chegaban polas rutas procedentes do sur (Camiño Portugués e Vía da Prata). A importancia destas tres portas púxose de manifesto ao longo dos séculos medievais polo interese do concello na súa reparación, así como polo feito de seren as únicas que debían permanecer abertas durante a noite ou en momentos de inseguridade. En 1541, a partires dunha Real Provisión do emperador Carlos V na que se pediu información sobre a cidade, varias testemuñas, como Jácome de Montaos ou Juan Parra a muralla estaba en mal estado, derribada por varios sitios, especialmente xunto á porta de Mazarelos.
        O proceso de crecemento e planificación urbana durante os séculos XII-XIII viuse impulsado polos arcebispos, destacando nisto a labor de Xelmírez ou Xoán Arias. Deste xeito, foise configurando unha rede de rúas dentro do recinto amurallado seguindo tres principais liñas de crecemento. En primeiro lugar, o eixo que conducía desde a Porta do Camiño, pasando pola Praza do Campo (a actual Cervantes) ata a fachada norte da catedral. Na documentación da época denomínase rúa “Maior”. O segundo eixo, o que partía de Porta Faxeira ata a catedral. E o terceiro xiraba arredor da Rúa de Mazarelas, que comezaba na porta do mesmo nome e enlazaba coas rúas da Mámoa (Orfas), do Castro, dos Ferreiros (Caldeirería) e Preguntoiro, para desembocar na Praza do Campo. Con todo, aínda había zonas intramuros que contaban con poucas construcións, como era o caso da contorna da praza de Mazarelos. O que non impedía que a praza en si fora un elemento clave do urbanismo da cidade.
         A medida que o espazo urbano medraba, ía adquirindo unha certa especialización comercial, sobre todo arredor de certas prazas, os espazos máis axeitados para os intercambios e outras actividades públicas, pois neses espazos as actividades eran máis facilmente controladas polas autoridades. A Praza de Mazarelos (do latín macellum, mercado) foi un destes centros especializados nas actividades comerciais, en concreto no mercado de viños, verduras e cereais. Ademais, o sector conformado por esta praza xunto con Ferreiros e Çiquelo (Sequelo) e Preguntoiro era unha área fundamentalmente artesanal onde tiñan os seus talleres e tendas carpinteiros, ferreiros, xastres e outros tendeiros. Xunto con esta especialización comercial, foi tamén destacada a concentración residencial. Por exemplo, foi frecuente que os cambiadores habitasen nesta Praza de Mazarelos mais tamén de xeito especial nas rúas do Camiño e Moeda Vella, e noutras rúas como Valdedeus, Sequelo ou na do Vilar. 
       En canto as edificacións existentes, por un preito entre o arcebispo Juan García Manrique e o conde Pedro Enríquez de Castela durante os anos 1384-1388, sabemos que o arcebispado contaba con casas neste espazo da cidade, e que tamén estivo situado o convento terciario de Santa María a Nova. Este convento foi erixido en 1390 polo frade da Terceira Orde Regular Afonso de Melide e o arcebispo Juan García Manrique, e significou a última fundación relixiosa da cidade na Idade Media. Para levar a cabo a fundación, o arcebispado doou á Orde Terceira unhas casas que posuía en Mazarelas, aquelas polas que o arcebispo Juan García fora a preito co conde Pedro Enríquez e que recuperou a cambio dunha compensación polas reformas e melloras que o conde fixera nesas propiedades. 
        Durante a Modernidade, a praza de Mazarelos permaneceu sendo porta de entrada do peixe e viño, aínda que os principais eixos da cidade xiraban arredor da catedral, desde o punto espiritual, e a praza do Campo, onde estaban a Casa Consistorial e o principal mercado da cidade. No plano de Santiago de 1595, conservado no arquivo de Simancas, aparece como un dos máis grandes espazos públicos e tamén constituía un dos principais mercados da cidade, con tendas ou “alpendres” de palla e herba. Por este motivo tamén foi coñecida como “Praza do Mercado Vello”, antes da centralización de tódolos lugares de venta cara 1870 no mercado de abastos, tal e como seguen a estar na actualidade. 

Mapa de Santiago de 1595, conservado no arquivo de Simancas. A Praza de Mazarelos sitúase arriba á dereita dentro do espazo amurallado. 
https://upload.wikimedia.org/wikipedia/commons/8/87/Plano_Santiago._1595._Archivo_General_de_Simancas._MPD%2C_34%2C_21.JPG     
         
      
       Con todo, os cambios e evolución non foron alleos ao espazo de Mazarelos. O convento dos xesuítas e a igrexa da Compañía, esta pechando o espazo da praza, así como as súas dependencias anexas na propia praza ou o brasonado pazo de Mazarelos, xunto coa porta da muralla, foron conferíndolle un carácter propio a este espazo. A orde dos xesuítas, cuxo edificio da Compañía xa aparece no plano de 1595, tiña chegado á praza de Mazarelos en 1579 unha vez expulsados os frades terciarios en 1567, e tras un breve paso de freiras de Santa Cristina. Posteriormente, o arcebispo mercou o edificio e concedeullo á orde xesuíta.                                                             

        Unha vez expulsados os xesuítas dos territorios da monarquía hispánica en 1767, a praza contou con novas modificacións. Na década de 1770 o convento foi aproveitado para instalar a Universidade, que abandonaba o pazo de Fonseca en 1769. A igrexa permaneceu en pé, e as dependencias anexas, construídas no século XVII como escola de Gramática para nenos, foron renovadas no XVIII e convertidas en Casa de Exercicios, destinada ao clero diocesano. Nesta reforma participaron dous dos mellores arquitectos da época: Simón Rodríguez (que traballou tamén no convento de Santa Clara), e Miguel Ferro Caaveiro.   
        A mediados do século XIX recuperouse a Casa de Exercicios como centro de ensinanza, nesta ocasión de ensinanza media, motivo polo cal outro dos nomes desta praza era o de “praza do Instituto”. A praza quedara xa definitivamente ligada á ensinanza coa instalación da Universidade no antigo edificio dos xesuítas, espazo actualmente anexo á praza de Mazarelos de tal xeito que conforman practicamente unha unidade, e no século XIX este carácter reforzouse. Posteriormente, o século XX significaría a consolidación deste carácter cando o antigo centro de ensinanza media pasou a converterse en centro universitario desde 1975. Desde entón albergou diferentes estudos, como Filoloxía, ata chegar a albergar a facultade de Filosofía, como fai na actualidade, estudos procedentes do edificio da Universidade situado poucos metros máis arriba. Neste edificio neoclásico construído entre os séculos XVIII e XIX, actual facultade de Xeografía e Historia, previamente de Filosofía e Letras, constituíuse en 1965 a primeira Asociación Profesional de Estudantes, cando nas universidades de Madrid e Barcelona eran boicoteadas por considerar con razón que non eran senón un sucedáneo do SEU (Sindicato de Estudantes Universitarios) imposto polo réxime. A presenza das forzas clandestinas na Universidade era aínda reducida.
        Volvendo ao actual edificio da facultade de Filosofía, e como curiosidade, habería que destacar que se conserva pola súa parte traseira (que dá á Virxe da Cerca) o tímpano medieval do desaparecido convento de Santa María a Nova, e que representa unha escena da Epifanía ou Adoración dos Reis Magos, tema con destacada presenza nas igrexas medievais da cidade compostelá. 
        Outras curiosidades están en relación con algunhas das pedras dos seus edificios, relacionadas co antigo mercado que se situaba nesta praza. Na porta da muralla conservada, por exemplo, hai unha inscrición que ben podería dicir “eps”, facendo referencia ao bispo (episcopus) ou arcebispo (archiepiscopus). E na parede da igrexa da Compañía que dá á praza, podemos contemplar os gravados de dous peixes, que poderían constituír unha medida para establecer o prezo do pescado que entraba por esta porta da cidade, ou mesmo para establecer os que ían destinados para o señor, que neste caso sería o arcebispo.

           Un dos peixes gravabos na parte exterior da igrexa da Compañia, na praza de Mazarelos. Fotografía dos autores

                                           Inscrición no arco de Mazarelos, no seu intradós. Fotografía dos autores
       
                A praza de mazarelos é tamén un espazo estreitamente ligado a algunhas das principais personaxes que habitaron en Compostela, por diferentes motivos. Rosalía de Castro, por exemplo, firmou o 17 de maio de 1863 a dedicatoria da primeira edición de Cantares Gallegos na vivenda que ocupaba a carón do arco de Mazarelos. Outro exemplo é o caso do xurista e político Eugenio Montero Ríos que, trala súa morte, quixo ser homenaxeado por parte do Concello de Santiago mediante unha estatua que levantou polémica por mor da súa situación. O escultor quixo poñela na praza Obradoiro, onde foi efectivamente situada nun principio. Pero a minoría conservadora e o seu impacto estético suscitaron unha campaña en contra e o seu rexeitamento, ata tal punto que mesmo a viúva pediu que se deixaran as cousas como estaban. Con todo, o proxecto continuou e en 1916 a estatua foi erixida no Obradoiro, con ampla presenza de autoridades. Mais finalmente, en tempos da Ditadura de Primo de Rivera (en 1928), co obxectivo de eliminar calquera rastro de caciquismo foi trasladada á praza do Instituto ou de Mazarelos, onde continúa na actualidade (pódese apreciar na pintura da exposición). En ocasións, como o pasado 8 de marzo, Montero Ríos cédelle o protagonismo a outras personalidades importantes para a nosa historia, como Concepción Arenal.

     Estatua de Montero Ríos recuberta pola imaxe de Concepción Arenal, o día Inernacional da Muller. Fotografía dos autores

       Nos nosos días, ademais de todo o patrimonio histórico e artístico comentado, a praza de Mazarelos constitúe un espazo de tranquilidade e xuntanza onde estudantes e traballadores adoitan sentarse nas soleadas terrazas (cando as condicións climáticas o permiten) para tomar algo e conversar. Como antigamente, as prazas de Compostela aínda conservan o seu cometido de servir como referencia e espazo público de reunión e sociabilidade.     

Comentarios

Entradas populares de este blog

Programa 2020

DEBUXANDO NAS PRATERÍAS- 23 de Marzo